Máis de 500 persoas participaron nas probas teóricas para optar ás 104 prazas de auxiliares de Policía Local convocadas por 27 concellos a través das oposicións centralizadas na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
Os aspirantes realizaron a segunda e terceira proba no Recinto Feiral de Silleda, estas consistiron nunha proba de coñecementos con 50 preguntas tipo test do temario proposto na convocatoria, ademais da proba de avaliación do coñecemento da lingua galega para as persoas non exentas.
Os resultados poderán consultarse o mércores 26 na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)
Unha vez rematado o proceso, a comezos de xuño prevese o inicio nas instalacións da AGASP do curso de formación teórico-práctico obrigatorio que deberán superar os aspirantes que aprobaron as probas anteriores antes de poder elixir destino e ser contratados polos concellos.
A través desta vía cubriranse un total de 104 prazas comunicadas por 27 entidades locais: A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambados, Cangas, O Carballiño, Cedeira, Fene, Gondomar, Malpica de Bergantiños, Meaño, Miño, Mugardos, Noia, O Barco de Valdeorras, O Grove, Ortigueira, Poio, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.