Máis de 500 persoas fixeron uso do punto limpo na Laracha durante o 2020

1 minutes read
  • Entre outros elementos recolléronse 11 toneladas de voluminosos: máis da metade foron sofás e colchóns

Durante o ano 2020, máis de 500 veciños do concello de Laracha fixeron uso do punto limpo ou solicitaron a recollida de voluminosos a domicilio. En concreto, Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños) atendeu a 509 usuarios que empregaron estes servizos municipais para desfacerse dos residuos que non podían ser depositados nos colectores de lixo.

Os datos globais ao remate do ano presentan un lóxico descenso tanto no número de usuarios como do material recollido con respecto a 2019, pero tamén poñen de manifesto que o volume da actividade antes e despois do confinamento foi similar ao doutros exercicios.

No punto limpo da Laracha recolléronse e xestionáronse, entre outros, 11,5 toneladas de voluminoso (máis da metade foron colchóns e sofás), 11 toneladas de aparellos electrónicos, equipos informáticos e electrodomésticos (televisores, frigoríficos, conxeladores, ordenadores, radios) e 9 toneladas de restos de obras (tellas, metais, pintura).

Aspaber tamén se encarga da recollida dos contedores azuis e dos iglús verdes en todo o termo municipal da Laracha. Neses recipientes –ademais das cantidades pouco significativas levadas directamente ao punto limpo- os laracheses depositaron en 2020 un total de 181 toneladas de envases de vidro e 109 toneladas de papel e cartón.