- Está aberto o prazo de solicitude para a nova remesa de composteiros que se repartirán en setembro
Cada vez son máis as persoas do concello de Carballo que se suman ao programa de compostaxe doméstica. Segundo destacan desde o Goberno local, actualmente hai 611 familias practicando a compostaxe na zona rural, 44 máis que hai dous meses. Un dos obxectivos que se persegue con esta iniciativa é contribuír á redución do lixo, facilitando ás persoas do rural a utilización dun abono de calidade.
Grazas á implicación da veciñanza, nun ano «conseguimos converter en compost 450 toneladas de residuos orgánicos», sinalan desde o Concello, «pero queremos que o voluntariado verde continúe medrando, e por iso seguimos recollendo solicitudes para un próximo reparto de composteiros que realizaremos no mes de setembro». As persoas interesadas só teñen que cubrir o impreso que aparece na web municipal e presentalo de forma presencial ou mediante a sede electrónica. O único requisito é dispoñer dunha parcela de 50 metros cadrados como mínimo.
O Concello de Carballo non só facilita os composteiros de balde ás familias interesadas, senón que tamén lles entrega un aireador e unha malla para toupas, así como un programa de formación e seguimento personalizado.