Máis de 70 buques galegos poderán beneficiarse da parada voluntaria para o xurelo


A secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, asinou este venres a resolución pola que se establece un período de parada voluntaria na pesqueira do xurelo para a frota de cerco e para determinados buques de artes menores dependentes desta especie e que terá unha compensación económica.

Estas paradas terán un período mínimo dun mes e máximo de tres meses.

Segundo a resolución, a limitación voluntaria da actividade poderase compensar cunha axuda económica por paralización temporal no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) e da súa normativa de desenvolvemento en España, que percibirán tanto as empresas armadoras dos buques como os tripulantes.

Segundo o ministerio de Pesca, con esta medida o Goberno cumpre o seu compromiso de apoio á frota pesqueira afectada polo peche da pesqueira do xurelo debido á súa delicada situación.

A Unión Europea e o Reino Unido acordaron o pasado decembro unha redución do 78 % na cota do xurelo para 2023 no Atlántico Noroeste, que unicamente poderá capturarse como pesca accesoria, dada a delicada situación da especie.

Entre as condicións específicas que se esixirán aos buques, estipúlase que deben ter unha dependencia das capturas de xurelo, respecto do total de capturas comercializadas, igual ou superior ao 18 % nos últimos tres anos, conforme aos datos que obren na Secretaría Xeral de Pesca.

Desta forma poderán beneficiarse 86 buques, distribuídos entre as distintas comunidades autónomas da seguinte forma: 71 en Galicia, oito en Cantabria, catro no País Vasco e tres en Asturias.