Máis de 90 falecidos e desesperada procura de sobreviventes dos tornados en Estados Unidos

Continúa a procura desesperada de sobreviventes da cadea de trinta tornados que arrasaron o centro de Estados Unidos na noite do pasado venres. Atravesaron cinco estados, deixando ao seu paso polo menos 94 mortos. Máis de oitenta deles só en Kentucky. Na localidade de Mayfield, bulldozers e socorristas rastrexan os entullos dunha fábrica de velas onde se rescataron con vida a corenta das 110 persoas que traballaban no seu interior. O Gobernador teme que a cifra de falecidos no seu estado superará os cen. Un dos primeiros tornados que comezaron a destrución percorreu máis de 320 quilómetros dentro de Kentucky.

Misuri, Illinois, Tennessee e Arkansas son os outros escenarios da traxedia, con rúas arrasadas e edificios e coches feitos cachizas. Na localidade de Edwardsville, en Illinois, morreron polo menos seis traballadores dunha planta de Amazon. Puideron saír 45 con vida, do centenar que había nas instalacións.

‘É a peor serie de tornados da historia do país, unha traxedia inimaxinable’, asegurou o presidente Joe Biden, que declarou o estado de desastre federal para Kentucky.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha