Máis de 900 estudantes participaron en Baio na gala final do certame ‘Falemos + galego’

1 minutes read

Os participantes xuntaronse para promocionar o uso do noso idioma, achegando o galego ás persoas que non o falan e tratando de convencer a quen o fala de que se manteña no seu uso. O concurso incluía dúas categorías: unha de vídeos e outra de logos. Na de vídeos a gañou Alicia Castiñeira, do IES Maximino Romero de Lema, de Baio, mentres que o mellor logo foi O galego medra en cada palabra que coidamos, de Adriana Mouzo Carril do IES Pedra da Aguia de Camariñas. O alcalde de Zas, Manuel Muíño, foi o encargado de entregar os premios. Representantes municipais de Cabana, Malpica ou Vimianzo tampouco quixeron perderse esta cita, que está chamada a consolidarse de importancia na Costa da Morte na defensa da cultura e do idioma galego. O acto estivo presentado polo xornalista Fran Hermida e amenizado polos grupos de Pandeireteiras Tinxideira, do CPI da Picota; As Caramiñas, do IES Pedra da Aguia de Camariñas e as Pandeireteiras do CPI de Zas, para pechar co concerto do artista 9Louro. Todas e todos coincidiron en felicitar á organización polo excelente traballo desenvolvido e a todas as persoas premiadas polo seu talento e implicación, quedando demostrado que, coa mocidade, o galego ten vida, presente e futuro.