Máis de cen nenos e nenas de Zas participaron nos campamentos urbanos deste verán

Cedida.

Foron dous meses moi intensos cunha gran oferta de actividades para toda a familia. Pero sen dúbida unha das de maior éxito foron os campamentos urbanos que se realizaron nas Torres do Allo e cos que o goberno municipal pretende facilitar a conciliación familiar e laboral da veciñanza.

En total participaron máis de cen nenos e nenas tanto do propio concello como doutros limítrofes. Realizáronse catro quendas de dez días naturais e, aínda que en cada unha delas se trataron temáticas diferentes, todas incluíron actividades de xénero, medioambientais e cívicas. Os campamentos, que se realizaron en horario de mañá, estiveron guiados polos monitores e monitoras da empresa Divir-TT.

Gran festa

Os campamentos despedíronse ata o próximo ano cunha gran festa celebrada nos exteriores do pazo das Torres do Allo e á que asistiron unha boa parte dos nenos e nenas que participaron nas diferentes quendas. Houbo de todo: inchables, festa da escuma e unha gran sesión musical con DJ. 

Ata alí achegouse tamén o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, quen puido comprobar de primeira man o éxito dos campamentos xa que tanto os pais/nais alí presentes coma os nenos e nenas que participaron na actividades contáronlle o ben que o pasaran nos campamentos. Muíño aproveitou a ocasión para desexarlle a todas e a todos unha feliz volta ao cole.