Máis de medio cento de actividades deportivas, culturais e de lecer na programación de ‘Malpica Verán 2026’

2 minutes read

O Concello de Malpica presentou a programación de Malpica Verán 2026, unha ampla oferta de actividades deportivas, culturais, educativas e turísticas que se desenvolverán durante os meses de xullo, agosto e setembro en distintos espazos do municipio.

A programación está deseñada para ofrecer alternativas de lecer saudable a veciñanza e visitantes de todas as idades, poñendo en valor os recursos naturais, deportivos e patrimoniais do concello e contribuíndo á dinamización social e económica do verán malpicán.

No ámbito deportivo, o programa inclúe novas edicións de actividades xa consolidadas como Surfea Malpica, os Xogos Multideportivos, o Ioga na Praia de Area Maior, os Deportes de Raqueta, as Saídas Actívate, o Xogo de Pistas en Familia, o Volei Praia, o Fútbol 3×3 e o Fútbol Praia Infantil. Tamén forman parte da programación eventos destacados como a Travesía Sisargas, o Día da Bicicleta e a IX Carreira Pedestre Concello de Malpica.

A oferta complétase coa dispoñibilidade da Pista Municipal de Pickleball, o servizo de Ximnasio Municipal e a celebración do VII Campus de Verán da U.D. Cerqueda.

No apartado destinado á infancia e á conciliación familiar destacan iniciativas como Pintar na Rúa, o Campamento Concilia 2026, o XXIV Concurso de Barcanas e Castelos de Area, os campamentos organizados pola ACD Carcaxía e por Bonecos Animación Infantil coa ANPA Xaviña, así como o Campamento Musical promovido pola ACD Salitre.

O patrimonio cultural e etnográfico de Malpica tamén terá un papel protagonista a través da programación do Ecomuseo Forno do Forte, que acollerá obradoiros de modelado de barro, visitas teatralizadas e visitas guiadas para achegar ao público a tradición oleira de Buño.


A programación cultural inclúe ademais os Seráns na Vila, o Festival de Corais Entre Cantigas e Habaneras, sesións de Malpica de Cine e Buño de Cine, así como festivais xa consolidados como o Festival Darredor, o V Balea Fest e a tradicional Festa Galega.


Un dos momentos máis destacados do verán será a observación do eclipse total de Sol do 12 de agosto, un fenómeno astronómico excepcional para o que Malpica se sitúa como un dos lugares privilexiados de Galicia pola súa situación xeográfica e as condicións de visibilidade previstas.

A programación estenderase ata finais de setembro coa celebración de Espazos Sonoros, que traerá ao Ecomuseo Forno do Forte a actuación do Dúo Abeiro.


Desde o Concello de Malpica anímase á cidadanía a participar nas distintas actividades e a consultar os prazos de inscrición establecidos para cada unha delas. O programa completo estará dispoñible a través das redes sociais municipais.


Malpica Verán 2026 reafirma así o compromiso do Concello cunha programación diversa, inclusiva e de calidade, capaz de combinar deporte, cultura, patrimonio e ocio para converter o municipio nun referente estival da Costa da Morte.