Máis de medio millar de persoas gozaron da Festa dos Maiores de Muxía


Tras dous anos de parón pola emerxencia sanitaria da covid-19, máis de 550 persoas gozaron este sábado da Festa dos Maiores de Muxía, unha xornada única sendo a primeira vez que este equipo de goberno organizou esta festividade tan simbólica para a Vila da Barca.

Tras a misa das 11:00 h cantada pola Coral Polifónica Virxe da Barca no Santuario de Nosa Señora da Barca, os comensais fixeron entrada no recinto sobre a 13.30 h para recibir, de mans do alcalde, Iago Toba, e dos concelleiros, Olalla Benlloch e Javier Romar, agasaios varios e recordos. Bolígrafo conmemorativo da festa, unha pañoleta co escudo do Concello de Muxía, así como unha tarxeta de benvida puxeron o punto de partida a este gran día.

Outra das grandes novidades foi o menú, no que ao entrante, ao polbo e á carne sumouse un invitado especial, os langostinos, que foron toda unha sorpresa para os comensais.

O grupo de musica tradicional ‘Xaramiños do Corpiño’ amenizou a entrada dos comensais no polideportivo e tras o xantar tivo lugar o esperado concerto da raíña de verbena galega, Pili Pampín, que fixo as delicias de todos os presentes. Como final de festa, Grupo Élite e Manolo Delfín puxeron a guinda a unha xornada moi especial.

Iago Toba quixo agradecer “a todas as persoas que quixeron achegarse a vivir este día tan especial e, tal e como reza a tarxeta de benvida que tiveron os comensais, o máis importante é poder compartir este momento inesquecible con todos eles”.

Plano xeral da festa.