Cada vez son máis os centros escolares que recorren ao programa de visitas guiadas pola arte urbana que ofrecen dende a área de Turismo do Concello de Carballo. Esta semana recibiron a dous grupos da Laracha e un de Coristanco. No último ano participaron nas rutas un total de 1.036 estudantes de colexios e institutos de Carballo, do resto da Costa da Morte e tamén de distintos puntos da provincia.
Pero as visitas non están dirixidas en exclusiva aos centros educativos, senón a todo tipo de grupos integrados como mínimo por 10 persoas. De feito, cada vez é máis habitual que a ruta pola arte urbana de Carballo forme parte dun agasallo de aniversario ou do programa dun encontro de antigos alumnos, que aproveitan a súa estancia entre nós para coñecer máis polo miúdo os proxectos Derrubando muros con pintura e Rexenera Fest, pero tamén para facer as compras no comercio da vila ou na feira, para xantar ou para tomar algo na hostalaría local.
Organizar unha ruta deste tipo é moi doado. Só tes que cubrir este formulario e poñeranse en contacto contigo para fixar data e hora. E se tes algunha dúbida sempre podes poñerte en contacto con museo@carballo.gal, turismo@carballo.gal ou nos teléfonos 981 70 20 77 e 698 15 64 02.