- As primeiras actividades realizaranse este martes e xoves na praia de Soesto
O alumnado dos centros escolares de Cabana de Bergantiños adentrarase nas próximas semanas no mundo do surf e do coidado do medio ambiente grazas á iniciativa ‘Aprende a través do surfing’.
Este martes e xoves terán lugar as primeiras actividades na praia de Soesto, en Laxe, coordinadas pola escola de surfing Narea. Na iniciativa participarán 110 escolares en total, 105 de 1º e 6 de Primaria do CPI As Revoltas e outros 5 de 1º e 2º de Primaria da Escola Unitaria de Neaño, pertencente ó CRA Nosa Señora do Faro.
Cada xornada contará cun grupo de 15 nenas e nenos que conectarán co surf e cos seus valores tanto dentro como fóra da auga. Para as próximas semanas agárdase que se poidan trasladar as actividades ó areal cabanés de Rebordelo se as condicións de mar o permiten.
A iniciativa, subvencionada polo Concello de Cabana e a Deputación da Coruña, está promovida pola Federación Española de Surfing e a entidade Surf and Clean.