Castela e León, Andalucía e Cataluña concentran o groso das 1.199 localidades españolas que terán que executar, desde este luns, o protocolo establecido polo Ministerio de Agricultura ante o avance da gripe aviaria en Europa. «Serenidade e tranquilidade, pero tamén rigor e responsabilidade», declarou Luís Planas, ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación de España, ante as medidas xa anunciadas o día 7 e aprobadas hoxe, luns, para a propagación da gripe aviaria en diversas instalacións agrogandeiras españolas.
Entre estas regras inclúese o confinamento das aves de curral naquelas zonas consideradas de especial risco. Trátase dun total de 1.199 municipios repartidos entre Andalucía (197), Aragón (128), Canarias (1), Cantabria (31) Castela e León (250), Castela-A Mancha (18), Cataluña (224), a Comunidad de Madrid (16), Comunidade Valenciana (138), Estremadura (99), Galicia (40), Illas Baleares (14), A Rioxa (6), Navarra (12) País Vasco (6), o Principado de Asturias (8) e a Región de Murcia (11).
Entre a normativa aprobada, atópase a prohibición de mesturar determinados tipos de especies (gansos, patos…) coas posibles aves afectadas; ofrecerlles auga á que poidan ter acceso outros exemplares silvestres; a súa cría ao aire libre ou a súa presenza en calquera tipo de certames gandeiros, mostras, exhibicións e celebracións culturais.