Máis dun milleiro de persoas participaron na primeira Festa Rural de Frades

Cedida.

Máis dun milleiro de persoas participaron na primeira edición da Festa Rural, celebrada esta fin de semana na praza de Ponte Carreira. Un evento organizado polo Concello de Frades en colaboración coa asociación de veciños Rexente, a asociación da terceira idade de Frades, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, amosou a súa satisfacción pola gran resposta da veciñanza de Frades e municipios veciños “que desfrutaron do mercado de artesanía, dunha mostra etnográfica que é o primeiro paso cara un ambicioso proxecto de crear o Museo da Cultura e Tradicións de Frades, da degustación ecolóxica da Casa Grande de Xanceda, a exposición de motos clásicas, xogos populares e moita, moita música. Sen esquecer a degustación de callos e o xantar popular, que reuniu a máis de 250 persoas”.

No mercado de artesanía participaron unha vintena de postos de cestos, coiro, madeira, xoiería, maquetas… Algúns destes artesáns, como o caso do cesteiro, fixeron demostracións en vivo da súa arte para desfrute dos asistentes. Outros, como o posto da Casa Grande de Xanceda (Mesía), fixeron degustacións de sobremesas ecolóxicas.