Máis dun milleiro de persoas puxéronse a proba en Cerceda na cuarta edición da Poseidon Race

2 minutes read

O Aquapark de Cerceda e as súas inmediacións convertéronse na xornada deste sábado no epicentro do deporte de obstáculos coa celebración da cuarta edición da Poseidon Race, organizada polo club local OCR Cerceda en colaboración co Concello. A proba superou todas as expectativas cun total de 1088 participantes, procedentes non só de distintos puntos de Galicia e do Estado, senón tamén de países como Portugal, Dinamarca, Bélxica, Alemaña ou mesmo Sudáfrica, consolidándose así como unha das carreiras máis esixentes e prestixiosas de Europa no seu ámbito.

A xornada arrancou ás 14:00 horas coa saída da categoría Elite, á que seguiron, con gran ambiente, as quendas de Starter, Parellas e Popular. O percorrido, que combinaba zonas do propio parque acuático con espazos naturais próximos, foi deseñado para poñer a proba a forza, a resistencia e a habilidade das persoas participantes, con retos de suspensión, puntería, equilibrio e axilidade. A categoría Elite percorreu 10 quilómetros e enfrontouse a 60 obstáculos, mentres que o resto completou un traxecto de 8 quilómetros con entre 45 e 50 obstáculos, dependendo da categoría.

Unha das grandes novidades deste ano foi a incorporación do Poseidon Cross Solidario, unha iniciativa a favor da Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM), que contou cunha destacada acollida por parte do público e dos deportistas. A dimensión solidaria e o compromiso social da carreira sumáronse así á súa vocación competitiva, xa que a proba estivo incluída na Liga OCRA Galicia, Liga Nacional AOCO, Liga North Finals e foi clasificatoria para o campionato mundial OCRW.

Durante o acto de peche, celebrado no propio recinto, o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento do evento e destacou “o impacto positivo que unha cita coma esta ten para a proxección do noso concello, tanto a nivel deportivo como turístico”. Pola súa banda, Álvaro Sánchez, presidente do club OCR Cerceda, agradeceu novamente o apoio do Concello e salientou que “cada edición supera a anterior, e xa estamos a pensar en como facer da seguinte Poseidon Race unha experiencia aínda máis completa”.