Máis Porvir avanza na inclusión laboral de persoas con discapacidade na Costa da Morte

2 minutes read
  • Máis de 40 usuarios desenvolven servizos de limpeza ou conserxería en organismos públicos, particulares ou empresas

Máis Porvir Xestión Social, a empresa de iniciativa social da entidade Íntegro (Nantón, Cabana), segue avanzando con paso firme na inclusión laboral das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte. Na actualidade, este centro especial de emprego conta con máis de 40 traballadores que desempeñan numerosos servizos auxiliares a empresas, organismos públicos e particulares da contorna, destacando os labores de limpeza de superficies e inmobles, conserxería e hidrolimpezas en exteriores.

Muxía foi un dos últimos concellos da comarca en sumarse a este proxecto. Desde o pasado mes de novembro, un grupo de persoas con discapacidade encárgase dos traballos de limpeza nos centros de educación infantil e primaria de Vilarmide-Eduardo Noya, Virxe da Barca e Os Muíños.

Outras das localidades que confían desde hai anos en Máis Porvir son Mazaricos e Zas. No caso do primeiro, a través da contratación do servizo de limpeza da gardería e o ximnasio municipais, así como do CEIP de Pino de Val (antes de que pechara as súas portas), do CPI A Picota e CEIP San Cosme, onde tamén se realizan labores de conserxería. En Zas estanse a efectuar traballos de limpeza nos dous centros de saúde, na gardería municipal e no CEIP Labarta Pose de Baio.

RURALÍZATE 2022
Máis Porvir forma aos seus traballadores a nivel profesional, pero tamén colabora en varias iniciativas a nivel local e dirixidas a un público máis amplo. Neste caso destaca Ruralízate, un programa de actividades e manualidades organizado en colaboración co Concello de Cabana e dirixido a maiores de 55 anos.

A nova edición arrincou hai unha semana e desenvólvese os mércores nas instalación da Escola de Vela e os xoves no Centro de Recursos Íntegro debido ao elevado volume de inscricións. O primeiro obradoiro, que xira arredor das artes manuais, levarase a cabo de febreiro a marzo en horario de 17:30 a 19:30 horas. De abril a maio, haberá outro de arranxos florais que dará paso, no mes de xuño, a un taller de risoterapia. Para o último trimestre do ano están programados outros dous talleres: restauración de mobles (de setembro a novembro) e arranxos de Nadal (de novembro a decembro).