“Máis que un teito”, novo programa de Vieiro de apoio ás familias con responsabilidade educativa

2 minutes read

A asociación Vieiro pon en marcha o seu programa “Máis que un teito”, un programa totalmente gratuíto dirixido a pais, nais e persoas con responsabilidade educativa que desexen mellorar as súas habilidades e recursos á hora de acompañar o crecemento e desenvolvemento dos seus fillos e fillas.

Compartir experiencias

As sesións serán impartidas por profesionais con ampla experiencia no traballo con familias, que ofrecerán ferramentas prácticas e dinámicas para reforzar a convivencia, a comunicación e o benestar no fogar. O enfoque será participativo e orientado a que cada familia poida aplicar o aprendido de forma útil e concreta. “Máis que un teito» é unha oportunidade para compartir experiencias, resolver dúbidas e adquirir novas ferramentas para acompañar aos nosos fillos e fillas ao longo das diferentes etapas da súa vida.

Ao longo das sesións abordaranse diferentes temas relacionados co benestar familiar e o desenvolvemento dos/as fillos/as, incluíndo a comunicación e o afecto, a autoestima, a xestión emocional, os estilos educativos, as normas e os límites, a resolución de conflitos, a disciplina positiva, as etapas evolutivas, a coeducación, as técnicas de modificación de conduta, a sexualidade, as adiccións e as técnicas de estudo.

Inscrición

O programa “Máis que un teito” pode ser solicitado por ANPAS, centros educativos ou por pais e nais a título individual. Aínda que a participación é gratuíta, requírese compromiso de asistencia para garantir a continuidade e o adecuado funcionamento dos grupos.

O prazo para inscribirse estará aberto ata o día 23 de outubro. O programa dará comezo en novembro de 2026. As sesións impartiranse durante unha hora e media e a súa periodicidade (semanal, quincenal ou mensual) axustarase á dispoñibilidade e conveniencia dos/as participantes.

As persoas interesadas poden inscribirse contactando coa asociación Vieiro no teléfono 981 75 61 61, ou a través da ANPA do centro educativo correspondente.