- Os socialistas afirman que a concelleira do PP revoga a súa dimisión a última hora co único obxectivo de bloquear os salarios da primeira e do segundo tenente de alcalde.
O grupo do PSdeG-PSOE de Muxía emitiu un comunicado mostrando o seu descontento pola actuación da oposición, que baixo o seu punto de vista «volve a poñer paus e pedras nas rodas do goberno municipal, restando e dando, unha vez máis, as costas á veciñanza».
Nesta ocasión afirman que, a concelleira do Partido Popular de Muxía, Sofía López, revogou este mércores, sorprendentemente e a falta de pouco máis de 24 horas dunha sesión plenaria importante, a súa decisión en firme de dimisión “por motivos persoais”, tal e como anunciou nas pasadas semanas.
Desde o PSdeG de Muxía entenden esta marcha atrás e este xiro de 360 grados como “unha falta de respecto coa veciñanza da vila xa que como sendo vén de costume, esta oposición e agora en concreto Sofía López, antepoñen os seus intereses e os do seu partido aos de toda a xente da vila”.
5 anos sen dedicación nin remuneración
Tanto Olalla Benlloch, concelleira de Cultura, como Javier Romar, concelleiro de Obras, levan cinco anos sen cobrar dedicación, a pesar de realizar a diario a súa función pública.
“Vemos que esta nova artimaña non responde a cuestións salariais ou económicas, xa que as dedicacións propostas para a concellería de Cultura e para a concellería de Obras de Muxía contemplan importes dos máis baixos da Costa da Morte”, destacou o alcalde, Iago Toba.
“Tanto Olalla como Javier levan case cinco anos traballando a reo e sen cobrar nin un só euro das arcas municipais e agora acudimos perplexos a outro acto de irresponsabilidade e xogo sucio para poñer trabas a que persoas que traballan no sector público e para o pobo de Muxía teñan unha remuneración por unha dedicación exclusiva, unha remuneración ademais das máis baixas se as comparas con homólogos de toda a nosa contorna”, engadiu.
Un grupo de goberno unido e comprometido
Tras este novo xogo de trileiros da oposición, o grupo de goberno local seguirá na mesma liña de traballo e de compromiso con Muxía. “Xa non vimos de novas e somos conscientes que está oposición é capaz de todo con tal de dificultar o labor deste goberno, que seguirá na mesma liña de traballo constante e de pensar única e exclusivamente no benestar da nosa veciñanza”, destacan.