Malpica | 37ª edición da Mostra de Olería de Buño do 12 ao 15 de agosto

Presentación da Mostra de Olería de Buño_Concello de Malpica

  • Este venres tivo lugar o acto inaugural no Forno dos Mouróns.

Este venres o Forno dos Mouróns acolleu o acto inaugural da XXXVII Mostra da Olería de Buño, que se celebrará do 12 ao 15 de agosto seguindo as pautas sanitarias do ano pasado. Á presentación acudiron o alcalde de Malpica, Walter Pardo; a concelleira de Cultura e Olaría, Leticia Varela; o concelleiro de Deportes, Miguel Varela; o edil de Turismo, Alfredo Cañizo e membros da Asociación Oleira.

O cartel está baseado nunha ilustración de Leandro Lamas, un pintor e ilustrador de Neda, que fixo a súa primeira exposición no ano 1998. A súa idea foi empregar as cores tradicionais da cerámica de Buño e darlle protagonismo á muller, representada a través dunha peza.

En canto á programación, tratarase de «darlle protagonismo unicamente á olaría, habendo postos de venda, exposicións permanentes no parque Luciano García Alén e demostracións co torno», sinalan desde o Concello.

Contarase tamén con representacións folclóricas tradicionais mediante pasarrúas das asociacións culturais municipais, tendo o papel máis importante a muller oleira coa exposición ‘Sen elas non hai olería’, a charla coloquio ‘Alfarería e a muller’ e o espazo expositivo das xa coñecidas Zoquiñas Vermellas.

Tamén haberá espectáculos para a rapazada con maxia, xogos tradicionais e obradoiros adaptados ás súas idades.

Cartel da Mostra_Cedida