Malpica | A música e baile tradicional galegos inauguran a sala expositiva ‘Non canto por cantar’

1 minutes read
  • A exposición, composta por fotografías e documentos, permanecerá no Centro de Artesanía e Tradición

Con motivo do Día das Letras Galegas, este martes o Concello de Malpica inaugurará o novo espazo expositivo Non canto por cantar no Centro de Artesanía e Tradición (antigo Centro Comarcal de Bergantiños). Será a partir das 12.00 horas.

A mostra reúne imaxes gráficas e documentación onde se fai un percorrido pola historia da música e baile tradicionais de Galicia e que «aínda se manteñen vivos a través das actuacións dos mozos e mozas», sinalan desde o goberno local. Os asistentes poderán desfrutar tamén de varias pezas relativas a Malpica grazas ás actuacións das asociacións locais Raigañas, Malante e Carcaxía.

Non canto por cantar tamén é unha homenaxe do Concello ás persoas maiores «transmisoras de todo este patrimonio inmaterial grazas aos que se mantén presente a riqueza oral e musical do municipio malpicán», explican.

Florencio Delgado Gurriarán, presente nas bibliotecas de Malpica

Os centros educativos e a biblioteca municipal de Malpica recibiron este mércores novos libros relativos a Florencio Delgado Gurriarán, escritor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano.

A concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, Noelia Freijeiro, foi a encargada da entrega de varios exemplares como Os Bolechas. As miñas primeiras Letras e Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, asinado por Héctor Cajaraville.

Concello de Malpica