- O goberno local estudará a posibilidade de comezar cos traballos arqueolóxicos
A Croa do Castro de Cerqueda “é unha gran fortificación amurallada con vivendas circulares e camiños interiores”, destacou o arqueólogo Carlos Otero Vilariño despois de cinco días de traballo de campo e varias sesións de estudo.
O goberno de Malpica valora as intervencións realizadas nesta contorna e asegura que estudará a posibilidade de comezar cos traballos arqueolóxicos, pois estes permitiron descubrir «un auténtico tesouro na zona».
Muralla e entradas
Unha acrópole, parte superior do castro, de planta trapezoidal está rodeada por unha muralla de cinco a seis metros de grosor “constituída por un dobre lenzo de pedra recheo de terra”. Nalgunhas partes do parapeto, o lenzo exterior é perceptible en superficie mentres que o interior “é unha novidade achegada pola prospección” realizada no pasado mes de novembro.
Dez posibles vivendas castrexas circulares
Carlos Otero destaca tamén que entre o piñeiro central da Croa e mirando cara á aldea do Ceán se encontraron unhas anomalías magnéticas que poden pertencer a unhas “dez cabanas circulares, de entre 4 e 6 metros de diámetro”. Indica, ademais, que “o seu número, a súa regularidade e distribución fan pensar que na súa meirande parte sexan anomalías fiables”.
Posibles intervencións a seguir
Carlos Otero propón “realizar dúas actuacións complementarias”: un pase do xeorradar na zona da entrada orixinal do castro así́ como no barrio habitacional, e tres sondaxes de 2×8 metros para «comprobar os resultados das probas do gradiómetro».
Cando se normalice un pouco a situación da Covid-19 en Malpica de Bergantiños, a Comisión Croa do Castro de Cerqueda manterá́ unha reunión para avaliar este informe e marcar unhas liñas de traballo para seguir actuando neste asentamento da Idade do Ferro.