- O organismo autonómico confirmou que as tarefas para asegurar a vía que conecta o porto e a lonxa arrancarán antes da primeira quincena de xuño
Os traballos para o apuntalamento da dársena de Malpica comezarán a partir da semana que vén, segundo asegurou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, concretando as actuación para a primeira quincena de xuño. Esta confirmación chegou durante unha reunión que mantivo en Santiago o alcalde, Walter Pardo, coa titular do organismo autonómico.
Entre as prioridades para o goberno local e a veciñanza de Malpica está a reapertura da vía que une o porto e a lonxa, que necesita duns traballos de apuntalamento para poder asegurar as súas condicións de circulación. O rexedor malpicán trasladou unha vez máis a “preocupación de moitas familias que dependen directa e indirectamente desta actuación” e instou ó organismo a rematar os traballos no menor tempo posible.
Por outra banda, tamén se insistiu na necesidade de buscar unha solución para as saídas da dársena coa que asegurar as condicións de seguridade das embarcacións e do persoal a bordo. Portos de Galicia afirmou «ter en marcha estudos técnicos para reducir este risco».
Entre os temas tratados tamén estivo a urxencia de aprobar un convenio para regular o uso dos espazos portuarios para outras actividades, a autorización para a pesca deportiva en algunhas zonas dos portos e o arranxo da grúa do porto de Barizo.
Pardo tamén solicitou a colaboración do ente autonómico para substituír parte do mobiliario do porto malpicán que se atopa a carón da dársena seca. Desde Portos comprometéronse a estudar o caso.