Malpica acolle a presentación de ‘Escora’ para celebrar o Día da Danza

Cedida

  • O acto está programado para o domingo, 24 de abril, no paseo da praia a partir das 18:30 horas

Con motivo do Día da Danza, que se celebrará o 29 de abril, o Concello de Malpica acollerá o domingo 24 a estrea do proxecto de danza contemporánea Escora. Será no paseo da praia ás 18:30 horas. No caso de que chova o acto trasladarase ao centro cívico da vila.

Neste encontro interpretaranse Miña xoia, por parte da compañía de Clara Ferrao, e Alleo, de Colectivo Glovo. A representación estará guiada por Marcia Vázquez que, ao final da intervención, manterá unha xuntanza cos artistas e co público.

O proxecto Escora, promovido pola Deputación da Coruña, preséntase como punto de encontro para as artes escénicas, a danza, a paisaxe, o patrimonio, a lingua e a comunidade. O obxectivo é visibilizar o traballo artístico das compañías galegas con accións de proximidade
que presentan unha oportunidade de achegar a danza a espazos pouco habituais para esta disciplina artística. A iniciativa tamén se levará a cabo en Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe e Caión.

Mostra de maquetas de barcos

Por outra banda, o Fogar de Pensionistas de Malpica acolle unha mostra de maquetas de barcos de José Blanco Novo. A exposición do veciño malpicán poderá verse ata finais de mes en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

Colaboran a concellaría de Cultura e a Confraría de Pescadores de Malpica.