A Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes organiza para o vindeiro sábado 8 de xullo ás 20.00 horas, na Casa do Pescador de Malpica, a presentación da obra ilustrada «A miña cadeliña» da ilustradora, Estefanía Padullés.
Estefanía naceu nun pequeno pobo dos Pireneos. Licenciouse en Bioloxía pola Universidade de Barcelona. Tras viaxar por distintos países para completar os seus estudos con animais, trasladouse a Almería para traballar nun Centro de Recuperación de Fauna Mariña. Posteriormente foi Responsable do departamento de Educación e axudante do departamento de Conservación nun Zoolóxico onde realizaba o deseño e a ilustración de campañas para a protección de especies ameazadas así como o material educativo (libros ilustrados, carteis, pósters).
Á parte do seu traballo como bióloga, nunca deixou de pintar ou debuxar. Cando tivo a ocasión expuxo cadros e participou nalgún libro de relatos curtos.
Nos últimos anos, desde que vive en Paradela, realizou varios contos ilustrados, O desexo do gato Klops, A canción do sol, Max e Lea, A manchas ou a raias?, Leopoldo, o pequeno monstro e Que mal día, gato Klops! son os publicados por Hércules de Ediciones.