Malpica acolle o 4 de xuño o ‘I Certame de Fotografía Submarina en Pecios’


  • A actividade, enmarcada no proxecto RIMARTES, pretende promocionar o patrimonio subacuático da costa occidental coruñesa

O próximo sábado, 4 de xuño, o porto de Malpica de Bergantiños será un dos escenarios do I Certame de Fotografía Submarina en Pecios, enmarcado no proxecto RIMARTES e cuxo obxectivo é dar a coñecer a gran concentración de xacementos arqueolóxicos subacuáticos da costa occidental coruñesa.

O certame, organizado por tres GALP (Costa Sostible, Costa da Morte e Golfo Ártabro) en colaboración co Concello de Malpica, vai dirixido a mergulladores que conten cun bo equipo fotográfico para poder retratar o mundo subacuático.

A actividade é de balde e os mergulladores, que deberán contar coa correspondente licenza e permisos, poderán anotarse para calquera das citas inscribíndose en fegas@fegas.net.

O certame celebrarase en varias localidades da costa coruñesa durante as vindeiras semanas. Ademais de Malpica, terá lugar en A Coruña (28 de maio), Fisterra (11 de xuño) e Porto do Son (18 de xuño).