Malpica acollerá a XVI Festa Galega os días 15 e 16 de agosto

1 minutes read

O Concello de Malpica de Bergantiños anunciaba este venres a celebración da XVI Festa Galega, un encontro emblemático coa música e a tradición que terá lugar os días 15 e 16 de agosto de 2025, no porto (zona do Travelift).

Durante dúas xornadas intensas, Malpica converterase nun escenario privilexiado para gozar da cultura galega a través das voces e sons das mellores agrupacións tradicionais, combinando concertos, cantareiras e espectáculos de referencia no panorama musical galego.

A programación é a seguinte:

•Venres 15 de agosto:

21:30 h – Cantareiras ACD Carcaxía

22:00 h – Cantareiras AC Malante

22:30 h – Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre

00:15 h – Alana

•Sábado 16 de agosto:

22:00 h – Cantareiras AC Raigañas

22:30 h – Do Rivés

23:00 h – Mercedes Peón co seu espectáculo Ingrávida

00:15 h – Tanto Nos Ten

Dende o Concello, organizador do evento, afirman que a Festa Galega «é unha homenaxe ás nosas raíces e un punto de encontro interxeracional onde tradición e innovación musical conviven para poñer en valor o noso patrimonio cultural inmaterial». Destacar tamén a colaboración da Xunta de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Deputación da Coruña e Cofradía de Pescadores de Malpica.