O Concello de Malpica acollerá unha nova edición do obradoiro «A Vila do Mañá», que se levará a cabo entre os días 24 e 28 de agosto, na que se adaptará a súa programación á nova realidade creada despois da aparición do coronavirus e á necesidade de modificar os espazos urbanos á medida das persoas.
“A Vila do Mañá” é un proxecto educativo e de divulgación, cuxo obxectivo é que dende a infancia e a través do xogo se tome conciencia de todas as escalas do común: a arquitectura, o patrimonio tanxible e intanxible, o urbanismo e a paisaxe. O reto principal é que a infancia e a adolescencia estean presentes de forma activa nos procesos de construción do espazo común (praza, barrio, cidade…) dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, dende a arte e a arquitectura.
Este proxecto ten como fin construír un futuro mellor no territorio, no que as persoas teñan unha visión distinta e unha relación diferente coas cidades e vilas.