Malpica afianza o seu compromiso colaborador co proxecto ‘Diversiplás, + diverso – plástico’

Cedida.

O Concello de Malpica de Bergantiños vén de afianzar o seu compromiso como entidade colaboradora do proxecto medioambiental e inclusivo ‘Diversiplás, + diverso – plástico’, levado a cabo pola Asociación Íntegro, para seguir avanzando dende a inclusión para unha Costa da Morte máis sostible. Así, dende agora, o municipio conta con dous novos colectores, de cor branca para diferencialos do resto, e cunha lenda explicativa sobre o tipo de residuos que podemos depositar e como facelo. Estes elementos quedarán instalados inicialmente no Centro Cívico e na Praza do Campo.

A Asociación Íntegro fixo a entrega á Administración local, onde foron recibidos polo alcalde, Eduardo Parga , e os concelleiros Miguel Fernández e Alfredo Cañizo.

Diversiplás é un proxecto xurdido ao abeiro da iniciativa Tanza, que está coordinado pola Asociación Íntegro e que conta co apoio do GALP Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

O rexedor salientou “o relevante deste tipo de iniciativas, para darlle unha segunda vida ao plástico”, apuntando que a veciñanza de Malpica en xeral xa está moi concienciada coa reciclaxe de residuos plásticos como son os tapóns, pois colabora con outras iniciativas que ten en marcha o propio Concello.