Malpica agradece a labor de dúas sanitarias de Verín no accidente da Pedra da Arca

Paula Godás y Andrea Maceira con el alcalde de Malpica, Walter Pardo_Cedida

  • Paula Godás e Andrea Maceira, que pasaban no momento polo lugar do sinistro, foron as primeiras en socorrer ás vítimas

O Concello de Malpica emitiu un comunicado no que transmite o seu “enorme agradecemento” a Paula Godás e Andrea Maceira, as técnicas en emerxencias sanitarias que asistiron ás tres persoas implicadas no accidente da Pedra da Arca deste xoves.

As mulleres, naturais de Verín e que pasaban polo lugar no momento do sinistro, foron as primeiras en socorrer e prestar os primeiros auxilios á espera da chegada dos servizos sanitarios de urxencias. Segundo explicou Paula Godás, “foi unha situación moi complicada na que a nosa mente traballou todo o rápido que podía”. A verinesa tamén destacou “o traballo e a coordinación dos servizos médicos con nós mesmas á hora de atender ós afectados e tratar de resolver a situación”.

Tanto Paula Godás como Andrea Maceira son técnicas en Emerxencias Sanitarias para o 061 de Santiago de Compostela e durante estes días estaban de vacacións na Costa da Morte. Ambas forman parte do servizo de Ambulancias Sil e operan no Barco de Valdeorras, A Gudiña e Verín, na provincia de Ourense.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, agradeceulles persoalmente o seu traballo en nome do goberno local e fíxolles entrega dun agasallo da Olería de Buño. “O esforzo e a dedicación de Paula e de Andrea merecen o aplauso de toda a sociedade. Son un modelo a seguir e un exemplo de bondade e calidade humana nunha situación límite”, afirmou. O rexedor tamén entregou un obsequio á Melanie, unha veciña da localidade que foi a primeira en dar o aviso do accidente mortal.

Melanie, xunto co alcalde de Malpica