Malpica aprobou en Pleno tres asuntos de especial relevancia para o municipio

3 minutes read

O Pleno do Concello de Malpica de Bergantiños, reunido en sesión ordinaria, aprobou este xoves tres asuntos de especial relevancia para o municipio: a determinación dos festivos locais para o ano 2027, a aprobación inicial da Ordenanza reguladora do uso racional e sostible das praias e o convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello para a execución da actuación de saneamento e da estación depuradora de augas residuais (EDAR) na parroquia de Beo.

No primeiro dos puntos da orde do día, a Corporación acordou establecer como festivos locais para o ano 2027 o 9 de febreiro, Martes de Entroido, e o 20 de agosto, venres das Festas do Mar. A proposta foi aprobada cos votos favorables do Grupo Municipal Popular e do BNG, a abstención de AIM e o voto en contra do PSOE.

O Pleno aprobou tamén inicialmente a Ordenanza reguladora do uso racional e sostible das praias do Concello de Malpica de Bergantiños, un instrumento que permitirá regular os usos destes espazos naturais, favorecer a convivencia entre as persoas usuarias e reforzar a protección e conservación do litoral. O expediente saíu adiante cos votos favorables do Partido Popular e do BNG, a abstención do PSOE e o voto en contra de AIM.

O asunto de maior transcendencia da sesión foi a aprobación do convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Malpica para a execución da actuación “Colectores de saneamento e estación depuradora de augas residuais en Beo”, unha actuación cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

A actuación contará cun investimento total de 1.249.352,29 euros, que permitirá dotar á parroquia de Beo dunha rede de colectores e dunha estación depuradora de augas residuais, mellorando de forma substancial o servizo de saneamento e contribuíndo á protección ambiental e á calidade das augas. O convenio foi aprobado cos votos favorables do Partido Popular e do PSOE, mentres que BNG e AIM optaron pola abstención.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, destacou que a aprobación deste convenio supón “un paso decisivo para facer realidade unha das actuacións de saneamento máis importantes dos últimos anos no municipio”.

“Estamos a falar dun investimento de 1.249.352,29 euros, unha actuación estratéxica para Beo e para o conxunto de Malpica. Este proxecto comezámolo a impulsar no ano 2017, coa realización dos primeiros trámites necesarios para a súa execución.”

O rexedor lembrou que o expediente quedou paralizado durante o anterior mandato municipal e que foi o actual Goberno local quen retomou a súa tramitación no ano 2021.

“Desde que asumimos de novo a responsabilidade de goberno en 2021, unha das nosas prioridades foi recuperar este proxecto. Traballamos de forma constante e coordinada con Augas de Galicia para desbloquear a súa tramitación e chegar ao momento actual, no que xa contamos cun convenio que permitirá seguir avanzando cara á execución das obras.”

Eduardo Parga agradeceu a colaboración de Augas de Galicia durante todo o proceso e incidiu en que esta infraestrutura responderá a unha demanda histórica da veciñanza da parroquia.

“Beo leva moitos anos agardando por unha solución definitiva ao seu saneamento. Hoxe damos un paso fundamental para que esa demanda histórica se converta nunha realidade. Seguiremos traballando coa mesma responsabilidade para que este investimento se materialice canto antes e a veciñanza poida beneficiarse dunha infraestrutura moderna, eficiente e respectuosa co medio ambiente.”

Con estes acordos, o Concello de Malpica continúa avanzando na mellora das infraestruturas e dos servizos públicos, impulsando proxectos estratéxicos que contribúan ao desenvolvemento sostible e á mellora da calidade de vida da veciñanza.