Malpica báñase nun ‘mar de letras’ para celebrar o 17 de maio


  • A música e poesía recitada compartirán protagonismo coa presentación das obras gañadoras do certame de poesía erótica Illas Sisargas

O Concello de Malpica, da man da concellaría de Cultura, presentou unha programación cultural con motivo do Día das Letras Galegas, destacando a presentación das obras gañadoras do certame de poesía erótica Illas Sisargas.

Venres 14. O inicio desta programación correrá a cargo do espectáculo ‘O exército das paxariñas’, protagonizado por Soraya Lema e Adela Dios, que percorrerá os centros de ensino da localidade. Con este espectáculo de narración oral e música preténdese que os nenos coñezan o valor da poesía e a maxia das palabras da man da escritora, Xela Arias.

Ás 20:00 horas, no fogar do pensionista da Casa do Pescador, terá lugar a presentación das obras gañadoras das últimas dúas edicións do certame de poesía erótica Illas Sisargas: ‘Rascamaceiras’ de Laura Ramos Cuba e ‘O cuarto de Jane’ de Charo Pita, da man do colectivo Caldeirón.

Domingo 16. Ao longo da xornada a Praza do Campo acollerá unha completa programación. Ás 12:00 horas estrearase ‘Arrolos con Mamá Cabra’, onde Gloria Mosquera e Diego Maceiras interpretan diferentes cancións coas que adormecer aos máis pequenos.

Ás 13:00 horas será o momento de desfrutar do Vermú das Letras grazas ao grupo de Malpica Meigallo, da A.C.D Carcaxía, que comezou a súa andadura no ano 2003. Formado nos seus inicios por 5 mozas, o grupo conserva a cultura musical e artística deste país.

Xa pola tarde, a partir das 17:30 horas, chegará o momento do ‘Café con Letras’ con Atenea García e o seu espectáculo ‘De ti e mailo mundo que apañes’, que pretende ser un humilde percorrido pola obra da poeta, tradutora e editora Xela Arias.

O remate da xornada iniciarase dúas horas máis tarde co concerto de Acordeireta, grupo formado por Patricia González e Alejandro Balbuena.

Luns 17. A programación continuará o propio Día das Letras. O luns os asistentes terán unha cita ás 12:00 horas na praza Villar Amigo, onde se procederá a unha lectura poética previo paso á actuación musical da compañía de A.C. Malante de Malpica.