O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Malpica, Walter Pardo e a concelleira Leticia Naya, acompañados de varios membros da corporación municipal malpicá, visitaron o Ecomuseo Forno do Forte de Buño.
O guía do centro de interpretación, Paco Doval, explicou a historia do lugar, un dos centros etnográficos de referencia da comarca de Bergantiños rehabilitado no seu día pola Deputación para uso museístico, que reproduce cómo era tradicionalmente a vivenda, a vida cotiá e o oficio dos oleiros de Buño.
Tras o percorrido polas instalacións, o presidente e o alcalde reuníronse cos oleiros de Buño, que expresaron a súa preocupación polo peche da empresa que ten a licencia de minas para xestionar o barreiro local e que é a que lles suministra a materia prima coa que elaboran os seus produtos artesanais.
González Formoso escoitou aos oleiros e comprometeuse a mediar ante a Xunta para buscar unha solución. “A Deputación tamén vai estar ahí, non imos deixar caer isto que tanto esforzo costou levantar ao longo dos anos por un problema así. Se o barro está ahí hay que permitir extraelo”, afirmou o presidente, que se mostrou convencido de que “vai a ser posible unha solución” para que os oleiros de Buño sigan traballando con barro local e “garantir que as xeracións futuras podan seguir sostendo esta actividade artesanal, que xera emprego e ten un arraigo tan importante nesta comarca”, afirmou.
Tanto Walter Pardo como a concelleira Leticia Naya agradeceron a visita do presidente para interesarse por “unha problemática complicada ,pero que ten que ter unha solución, porque a olería de Buño é un sector tremendamente importante tanto desde o punto de vista histórico coma económico para Malpica”.