Desde este martes o Concello de Malpica comezou a repartir as pañoletas e pulseiras conmemorativas da Romaría de Santo Hadrián 2026, Festa de Interese Turístico de Galicia. Todas as persoas interesadas en conseguilas poden pasar pola Oficina de Turismo ou solicitalas a calquera dos membros da Corporación Municipal.
Deste xeito terás a oportunidade de levar contigo os símbolos dunha das celebracións máis emblemáticas do concello e prepararte para vivir unha nova edición desta romaría que cada ano reúne centos de persoas no emblemático santuario de Santo Hadrián. Este percorrido discorre polas praias de Area Maior e Seaia, así como por camiños peonís coas illas Sisargas e o Atlántico como compañeiros de peregrinación.
A xornada festiva comezará ás 7:30 horas cunha misa na igrexa parroquial de San Xulián de Malpica. Acto seguido, poñerase en marcha a procesión ata o Santuario, onde se oficiará unha nova misa á chegada. Durante a mañá, o templo acollerá oficios ás 10:00, 11:00 e 12:00 horas, antes da misa solemne que está programada para as 13:00 horas. No apartado lúdico, a xornada contará coa tradicional Sardiñada Popular organizada pola ACD San Xulián e que este ano estará amenizada pola música da artista Judith Cundíns.
Unha festa con lenda
Di a lenda que Santo Hadrián chegou a Malpica para loitar contra unha praga de serpes que padecía boa parte da bisbarra. Ao chegar ao cabo matou a serpe pisándoa co seu pe facendo que todas as serpes desapareceran. Coa marea baixa, na ribeira aos pes da ermida, pódese ver gravada na pedra o que di a lenda que é a serpe coa pegada de Santo Hadrián. Esta lenda mitolóxica pode estar relacionada coa cristianización de lugares de culto pagáns, materializando nunha serpe as crenzas pagáns e personificando no santo o poder da cristianización.
Á tardiña, os romeiros inician o camiño de volta cara á vila, acompañando a imaxe do Santo ata a igrexa parroquial, onde permanecerá ata o ano seguinte. Á súa chegada a Malpica, a través da praia ou do paseo marítimo, centos de persoas reciben aos romeiros e romeiras nun emocionante encontro e coa esperanza de que os bos desexos presentados ante o santo sexan cumpridos.