- O alcalde reiterou a necesidade de acometer o apuntalamento dunha parte da dársena para permitir o acceso de camións de alta tonelaxe
O alcalde do Concello de Malpica, Walter Pardo, recibiu este xoves a visita do director de Portos de Galicia, Roi Fernández, e da xefa da Zona Centro, Lorena Solana. O encontro serviu para avaliar a execución de diferentes liñas de actuación de xeito coordinado entre ambas as dúas institucións. Trátase, tal e como sinalou o rexedor, «de intervencións moi necesarias e demandadas» polo goberno, polos traballadores do porto e tamén pola veciñanza. «O porto en Malpica é fundamental para a economía do municipio, pero é tamén un espazo de lecer para os veciños e veciñas. Por iso, unha das nosas prioridades é seguir traballando para melloralo», sinalou o alcalde.
Por un lado, Pardo trasladoulles a necesidade de acometer o apuntalamento dunha parte da dársena para permitir o acceso de camións de alta tonelaxe, e tamén a urxencia de contar cunha grúa no porto de Barizo.
A organización e distribución do aparcadoiro foi outros dos asuntos que saíron a colación. O rexedor insistiu en que «é crucial dispor dunha zona de estacionamento que non interfira cos labores que se levan a cabo na lonxa e no propio porto».