Malpica conmemora o 92 aniversario das Misións Pedagóxicas; exposición, teatro e magosto popular

O Concello de Malpica de Bergantiños celebra o 92 aniversario das Misións Pedagóxicas cun programa cultural que inclúe unha mostra fotográfica, un espectáculo de monicreques e un magosto popular con chocolatada e música en directo. O 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas, estreábase en Malpica o Retablo de Fantoches. Aquel proxecto, promovido por José Val del Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieto, Urbano Lugrís e Rafael Dieste, marcou o inicio dos espectáculos de monicreques que percorreron o Estado co obxectivo de levar a cultura e a educación a todos os recunchos. En lembranza daquel esforzo, o Concello de Malpica de Bergantiños organiza cada ano unha actividade conmemorativa arredor desta data, recuperando o espírito das Misións que tiveron en Malpica un dos seus primeiros escenarios.

Mostra fotográfica

A exposición As Misións Pedagóxicas en Malpica poderá visitarse do 17 ao 31 de outubro no espazo expositivo do Centro Cívico. A mostra recolle imaxes e documentos que lembran o paso das Misións pola vila en 1933, coincidindo coa estrea do Retablo de Fantoches.

Programación do 19 de outubro

Os actos centrais desenvolveranse o sábado 19 de outubro na Praza Anselmo Villar Amigo.
Ás 17.00 horas representarase o espectáculo de monicreques As almofadas soñadoras, da compañía AsSircópatas. A obra, dirixida por Marcos “PTT” Carballido, conta con María Dobonriche e Dani Blanco no elenco, e con música e efectos de son a cargo dos mesmos intérpretes. A historia aborda o poder dos soños e a liberdade a través da figura do rei Amarradísimo, un personaxe que prohibe sorrir e soñar ata que se ve obrigado a enfrontar as consecuencias das súas propias leis. A continuación, ás 18.00 horas, celebrarase un magosto popular con chocolatada e actuación do Trío Digital.

 En caso de mal tempo, os actos trasladaranse ao auditorio do Centro Cívico de Malpica.

Related posts

Celebradas no IES Parga Pondal de Carballo dúas das tres sesións que acollerá sobre o cambio climático

O BNG destaca que a súa presión vén de facer que a Xunta actúe ante a acumulación de area na entrada de Muxía

Iria Boza, de Golmar, gañadora da modalidade Redes Sociais do concurso de fotografía A Laracha no obxectivo