Malpica dá a benvida ao verán cun amplo abano de actividades deportivas e culturais

Cedida

  • O prazo de inscrición abre este xoves ata esgotar prazas.
  • No Ecomuseo Forno do Forte de Buño farase un obradoiro de barro gratuíto durante os meses de xullo e agosto e sen necesidade de inscrición.

O Concello de Malpica programou un gran abano de actividades para dar a benvida ao verán. Organizadas polas concellarías de Deporte e Cultura e Servizos Sociais, en colaboración coa Deputación da Coruña e outras entidades, desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto.

Actividades do 1 ao 15 de xullo: semana de xogos xigantes no paseo da praia (parchís, twister ou dominó para rapaces de entre 6 e 14 anos), torneos de futbolín e xadrez, campamento de patinaxe (para maiores de 3 anos, será no polideportivo de Malpica), campamento de verán Carcaxía (pensado para nenos e nenas de 4 a 10 anos, desenvolverase na Casa da Cultura de Seaia), III campus de verán UD Cerqueda (para aqueles de entre 4 e 17 anos, terá lugar no campo de Xaviña de Buño), ‘Vive o verán’ (actividades de sendeirismo ou snorkel para os empadroados en Malpica que naceron entre o 2004 e 2015), talleres de actividades multideportivas (desenvolveranse na praia de Area Maior e poden anotarse aqueles nenos de 6 a 12 anos), área infantil (actividade pensada para a rapazada de 3 a 6 anos, será no paseo da praia), obradoiro de danzas urbanas con DJ (de novo, no paseo da praia e para maiores de 12 anos) e geocaching (actividade de iniciación que se levará a cabo no areal de Area Maior coa rapazada de entre 7 a 12 anos).

Actividades do 16 ao 30 de xullo: zumba na praia (paseo da praia), campamento deportivo (haberá dúas quendas e poderán participar rapaces de 7 a 12 anos, será no polideportivo de Malpica), torneo de fut-tenis e basquet (dirixido a nenos e nenas de 10 anos ou máis, terá lugar no parque infantil do Mercado), torneo de fútbol praia Sub 15-18 (realizarase en Area Maior).

Actividades para o mes de agosto: fútbol praia (Area Maior, para nenos e nenas de entre 6 e 14 anos), pintar na rúa (levarase a cabo na praza Anselmo Villar Amigo e está pensada para a rapazada de entre 6 e 14 anos) e obradoiro de danzas con Dj (16 de agosto no paseo da praia para maiores de 12 anos). O día 26 terá lugar o XXI concurso de Barcanas e Castelos de Area no areal de Area Maior. Será en horario de mañá e haberá entrega de premios para dúas categorías: infantil (ata 10 anos) e a amateur (a partir de 11 anos).

Campamento de conciliación. Levarase a cabo do 16 de agosto ao 6 de setembro no centro cívico de Malpica, de 09.00h a 14.00h e para nenos de 3 a 12 anos.

O prazo de inscrición abre este xoves 23 ata esgotar prazas. De non encher todos os ocos, o peche do prazo para apuntarse depende da actividade: para as da primeira quincena de xullo, o prazo remata o 30 de xuño; para as da segunda, pechará o 14 de xullo; poderanse apuntar nas actividades de agosto ata o 22 de xullo e no XXI Concurso de Barcanas e Castelos de Area ata o 26 de agosto ás 10.00h. En caso de mal tempo, os xogos xigantes, área infantil, geocaching e pintar na rúa trasladaranse ao auditorio do centro cívico.

Os interesados poden anotarse no departamento de Deportes na Casa do Concello ou nos departamentos de Educación e Cultura e no de Servizos Sociais no centro cívico en horario de 09.00h a 14.00h. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición e algunhas actividades terán un custo.

Obradoiro de barro. Ademais desta gran oferta de actividades, no Ecomuseo Forno do Forte de Buño farase un obradoiro de barro gratuíto durante os meses de xullo e agosto. Será de martes a venres en horario de 16.30h a 18.30h e está dirixido á rapazada de 3 a 12 anos. Os nenos e nenas deben acudir acompañados. As prazas son ilimitadas e non fai falta inscrición previa.