Malpica destina máis de 600.000 euros a investimentos e gasto social

1 minutes read
  • Entre os ámbitos a xestionar atópanse o pago a provedores e o reforzo de axudas dentro dos servizos sociais

O Concello de Malpica dedicará un total 610.193,81 euros, con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña, a diversas obras e servizos de competencia municipal así como ao financiamento dos gastos sociais extraordinarios.

No pleno, celebrado este xoves, estableceuse a proposta de reparto destes fondos: 59.531,43 euros para o pago a provedores; 56.425,94 euros a gasto corrente; 94.445,27 euros para a separación de pluviais e un novo pavimento en Camiño do Río; 36.379,90 euros á reforma do Centro Social das Pozacas; 191.506,70 euros para a construción dunha cuberta do parque infantil de Malpica de Bergantiños; e 58.419,04 euros para a pavimentación do camiño da Camposa a Buño.

Ademais, o Concello incluirá no Plan Complementario 2021 os seguintes investimentos financeiramente sostibles: 97.559,78 euros para melloras e mantementos no camiño da Besugueira, en Barizo; 99.122,62 euros para melloras na capa de rodadura no camiño de Cambre á Pedrosa e no camiño na Raxeira; 39.996,03 euros á renovación do parque infantil na rúa Xaviña-Buño e 46.459,47 euros na mellora da estrada de Campelo a Barizo.

Gastos sociais extraordinarios

Malpica tamén contará cunha partida de 113.485,52 euros, destinada a gastos sociais extraordinarios, que son aportados pola Deputación Provincial debido á incidencia da Covid-19.

Reforzo de persoal adscrito aos servizos sociais; ampliación e dotación das partidas destinadas a garantir os ingresos suficientes ás persoas en situación de vulnerabilidade ou vítimas de violencia de xénero; ou a ampliación do servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades son algunhas das áreas beneficiadas.