Malpica deu a coñecer a súa XXI Mostra de Teatro

6 minutes read

O Concello de Malpica de Bergantiños pon en marcha unha nova edición da Mostra de Teatro, que se celebrará entre o 31 de outubro e o 13 de decembro no Auditorio do Centro Cívico de Malpica.

A XXI Mostra de Teatro reunirá nove espectáculos que achegarán ao público diferentes propostas escénicas galegas, desde o teatro familiar ata o adulto. Todas as representacións serán con entrada libre e gratuíta, sen necesidade de reserva previa.

A programación comezará o venres 31 de outubro ás 20.00 h coa obra A teteira de Kabul da compañía Xarope Tulú, finalista na categoría de mellor proposta de monicreques nos Premios María Casares 2024.

O programa será o seguinte:

Venres 31 de outubro, ás 20.00, A teteira de Kabul. Xarope Tulú

Fondo Galego de Cooperación

Finalista a mellor proposta de monicreques nos Premios María Casares 2024

​ A Teteira de Kabul fala sobre o valor da paz. A súa protagonista, Mina, é unha nena afgá que ten que abandonar o seu fogar como consecuencia da guerra. Ela e a súa familia emprenden unha longa viaxe na que a pesar das duras condicións irá descubrindo a beleza do tránsito grazas ás historias que lle conta súa nai e que ela garda nunha teteira.
Elenco: 

Atenea García

Xosé Manuel Esperante

         Dirixe: Nicolás Zamorano e Atenea García

          Duración: 45 minutos

Xénero: teatro de obxectos

Público preferente: familiar, a partir de 6 anos

Venres 7 de novembro, ás 20.00 Wombo Combo. Galeatro

Rede Cultural 2025

Finalista a mellor proposta para público familiar nos Premios María Casares no 2023

Wombo Combo reflexiona sobre as vidas virtuais e a soidade na adolescencia. A súa protagonista, Sara, ten a sensación de que podería desaparecer e ninguén se decataría. Ten outra vida na que xoga en liña con ducias de persoas e na que cada vez pasa máis tempo. Deixa de falar, de comer, de durmir… ata que entra nun videoxogo que lle propón retos que debe cumprir na vida real.

Elenco: 

Alba Bermúdez

Toné Martínez

Mario Rodriguez

Dirixe: Davide González

Duración: 50 minutos

Xénero: familiar e infantil

Público preferente: recomendado a partir de 6 anos

Venres 14 de novembro, ás 20.00, A nena e o grilo camiño das cores. Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos

Rede Cultural 2025

Nesta ocasión, os tres Ghazafelhos descubrirán o mundo desde a mirada dos nenos e as nenas e interactuarán cos músicos Magín Blanco e Pablo Vidal e tamén co público. Esta última produción consolida e expande os obxectivos cos que A Nena e o Grilo se iniciou hai dezaseis anos: contribuír a descubrir, valorar, a amizade, o compañeirismo, os afectos, a diversidade e a igualdade.

Elenco:

Teatro Ghazafelhos

Magín Blanco

         Dirixe: Pepablo Patinho

         Duración: 60 minutos

Xénero: infantil-familiar

Público preferente: a partir de 3 anos

Venres 21 de novembro, ás 20.30, Coreografías dun demente.  Fran Sieira, cía danza

Coreografías dun DeMente é unha obra de baile e música tradicional galega para público adulto. A fisicalidade e a estética contemporánea, dentro do baile e a música tradicional galega, preséntase a través dos ollos da bailarina e coreógrafa catalá Carla Diego Luque como directora artística.

Programada no Festival Internacional de Teatro de Manizales (Colombia), a Fira Mediterrània de Manresa (Catalunya) e a Red Acieloabierto, a rede estatal de festivais de danza contemporánea en espazos non convencionais…

Intérpretes:

Fran Sieira

André Adrio
Artur Puga

Martín Mondragón
Adela Otero

Patricia Sánchez

Dirección artística: Carla Diego Luque

Duración: 45 minutos

Xénero: danza

Público preferente: adulto

Venres 28 de novembro, ás 20.30, Mulleres que viven soas Fran Sieira, Cía Danza

Rede Cultural 2025

Protagonizada polas tres bruxas que profetizan o ascenso de Macbeth ao trono na peza de Shakespeare. Tres bruxas que encarnan os males deste mundo e que nos serven de referencia para rirnos da diferenza entre como nos ven (ou nos contan) e como nos sentimos nós dentro das nosas casas.

Elenco:

Paula Carballeira

María da Pontragha

Vero Rilo

Dirixe: Nuria Sanz e Chiqui Pereira

Duración: 45 minutos

Xénero: danza

Público preferente: adulto

Venres 5 de decembro, ás 20.30, Chegar e encher. Bea Campos

Rede Cultural 2025

Chegar e encher é un canto ao fracaso, un divertido monólogo teatral de Bea Campos onde conviven a improvisación, a narración oral e o cabaré. Chegar e encher é unha ácida e divertida reflexión sobre a imposibilidade de controlar as nosas vidas e a dificultade de encaixar nos roles de xénero marcados.

Elenco: Bea Campos

Dirección: Bea Campos

Duración: 60 minutos

Xénero: narración oral

Público preferente: adulto

Sábado 6 de decembro, ás 20.00, De algo hai que morrer. Malasombra producións

Premio FETEGA 2023. Compañía gañadora do premio do público da Mostra de Teatro de Malpica, no ano 2024 co espectáculo Testosterona

Dous prestixiosos e peculiares científicos, o profesor Jeckill e o profesor Hide, divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao cen por cen da poboación de todo o mundo sen distinción de raza, sexo ou condición: a morte. Ao longo da conferencia os dous profesores disertan, dramatizan e dan resposta a preguntas sobre diversos temas relacionados co asunto principal. A vida. Vivir é bonito ou está sobrevalorado? A inmortalidade. Como sería o mundo se fósemos inmortais?

Elenco: Jouse García e Xoque Carbajal

Dirección: Marcos Orsi

Duración: 70 minutos

Xénero: comedia

Público preferente: adulto (maiores de 16 anos)

Xoves 11 de decembro, ás 20.30, Sol Fuerza. Aantena S.C. Premio da Deputación da Coruña a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social. Proxecto ECO DO SOL

Un espectáculo que mestura humor e reflexión.

Nos anos 90, Heliodoro Vicente soñaba cun futuro radiante: Galicia iluminada grazas ao Sol Fuerza. Un invento prometedor que pretendía substituír o petróleo pola enerxía do sol. Pero o soño de Heliodoro apagou antes de brillar. E agora, no presente, entre muíños de vento, placas solares e promesas ecolóxicas, atopámonos cunha Galicia que dubida: progreso ou colonización? É isto o futuro ou unha boa mentira ben contada?

Elenco: 

Lucía Veiga

Manu Fernández

Virxinia Bermúdez

Dirixe: Xosé Leis

Duración: 80 minutos

Xénero: comedia

Público preferente: adultos e maiores de 14 anos

Sábado 13 de decembro, ás 20.00, As Desterradas. Carme Varela (Producións Excéntricas)

Outono das Artes da Deputación da Coruña

No século XVI unha pequena comunidade de monxas á beira do

Miño vese ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica. Os

señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras non dubidan en difamalas e ameazalas por todos os medios, desde o tribunal da inquisición á violencia das mesnadas señoriais. Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas.

Elenco:

Belén Constenla

Melania Cruz

Rocío González

Rebeca Montero

Patricia Vázquez

Víctor Mosqueira

Dirixe: Quico Cadaval

Duración: 95 minutos

Xénero: drama

Público preferente: adulto

As funcións realizaranse sempre no Auditorio do Centro Cívico de Malpica.

Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Departamento de Educación e Cultura do Concello de Malpica de Bergantiños, no teléfono 981 707 104, en horario de 9.30 a 14.00 horas.