O Concello de Malpica de Bergantiños pon en marcha unha nova edición da Mostra de Teatro, que se celebrará entre o 31 de outubro e o 13 de decembro no Auditorio do Centro Cívico de Malpica.
A XXI Mostra de Teatro reunirá nove espectáculos que achegarán ao público diferentes propostas escénicas galegas, desde o teatro familiar ata o adulto. Todas as representacións serán con entrada libre e gratuíta, sen necesidade de reserva previa.
A programación comezará o venres 31 de outubro ás 20.00 h coa obra A teteira de Kabul da compañía Xarope Tulú, finalista na categoría de mellor proposta de monicreques nos Premios María Casares 2024.
O programa será o seguinte:
Venres 31 de outubro, ás 20.00, A teteira de Kabul. Xarope Tulú
Fondo Galego de Cooperación
Finalista a mellor proposta de monicreques nos Premios María Casares 2024
A Teteira de Kabul fala sobre o valor da paz. A súa protagonista, Mina, é unha nena afgá que ten que abandonar o seu fogar como consecuencia da guerra. Ela e a súa familia emprenden unha longa viaxe na que a pesar das duras condicións irá descubrindo a beleza do tránsito grazas ás historias que lle conta súa nai e que ela garda nunha teteira.
Elenco:
Atenea García
Xosé Manuel Esperante
Dirixe: Nicolás Zamorano e Atenea García
Duración: 45 minutos
Xénero: teatro de obxectos
Público preferente: familiar, a partir de 6 anos
Venres 7 de novembro, ás 20.00 Wombo Combo. Galeatro
Rede Cultural 2025
Finalista a mellor proposta para público familiar nos Premios María Casares no 2023
Wombo Combo reflexiona sobre as vidas virtuais e a soidade na adolescencia. A súa protagonista, Sara, ten a sensación de que podería desaparecer e ninguén se decataría. Ten outra vida na que xoga en liña con ducias de persoas e na que cada vez pasa máis tempo. Deixa de falar, de comer, de durmir… ata que entra nun videoxogo que lle propón retos que debe cumprir na vida real.
Alba Bermúdez
Toné Martínez
Mario Rodriguez
Dirixe: Davide González
Duración: 50 minutos
Xénero: familiar e infantil
Público preferente: recomendado a partir de 6 anos
Venres 14 de novembro, ás 20.00, A nena e o grilo camiño das cores. Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos
Rede Cultural 2025
Nesta ocasión, os tres Ghazafelhos descubrirán o mundo desde a mirada dos nenos e as nenas e interactuarán cos músicos Magín Blanco e Pablo Vidal e tamén co público. Esta última produción consolida e expande os obxectivos cos que A Nena e o Grilo se iniciou hai dezaseis anos: contribuír a descubrir, valorar, a amizade, o compañeirismo, os afectos, a diversidade e a igualdade.
Elenco:
Teatro Ghazafelhos
Magín Blanco
Dirixe: Pepablo Patinho
Duración: 60 minutos
Xénero: infantil-familiar
Público preferente: a partir de 3 anos
Venres 21 de novembro, ás 20.30, Coreografías dun demente. Fran Sieira, cía danza
Coreografías dun DeMente é unha obra de baile e música tradicional galega para público adulto. A fisicalidade e a estética contemporánea, dentro do baile e a música tradicional galega, preséntase a través dos ollos da bailarina e coreógrafa catalá Carla Diego Luque como directora artística.
Programada no Festival Internacional de Teatro de Manizales (Colombia), a Fira Mediterrània de Manresa (Catalunya) e a Red Acieloabierto, a rede estatal de festivais de danza contemporánea en espazos non convencionais…
Intérpretes:
Fran Sieira
André Adrio
Artur Puga
Martín Mondragón
Adela Otero
Patricia Sánchez
Dirección artística: Carla Diego Luque
Duración: 45 minutos
Xénero: danza
Público preferente: adulto
Venres 28 de novembro, ás 20.30, Mulleres que viven soas . Fran Sieira, Cía Danza
Rede Cultural 2025
Protagonizada polas tres bruxas que profetizan o ascenso de Macbeth ao trono na peza de Shakespeare. Tres bruxas que encarnan os males deste mundo e que nos serven de referencia para rirnos da diferenza entre como nos ven (ou nos contan) e como nos sentimos nós dentro das nosas casas.
Elenco:
Paula Carballeira
María da Pontragha
Vero Rilo
Dirixe: Nuria Sanz e Chiqui Pereira
Duración: 45 minutos
Xénero: danza
Público preferente: adulto
Venres 5 de decembro, ás 20.30, Chegar e encher. Bea Campos
Rede Cultural 2025
Chegar e encher é un canto ao fracaso, un divertido monólogo teatral de Bea Campos onde conviven a improvisación, a narración oral e o cabaré. Chegar e encher é unha ácida e divertida reflexión sobre a imposibilidade de controlar as nosas vidas e a dificultade de encaixar nos roles de xénero marcados.
Elenco: Bea Campos
Dirección: Bea Campos
Duración: 60 minutos
Xénero: narración oral
Público preferente: adulto
Sábado 6 de decembro, ás 20.00, De algo hai que morrer. Malasombra producións
Premio FETEGA 2023. Compañía gañadora do premio do público da Mostra de Teatro de Malpica, no ano 2024 co espectáculo Testosterona
Dous prestixiosos e peculiares científicos, o profesor Jeckill e o profesor Hide, divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao cen por cen da poboación de todo o mundo sen distinción de raza, sexo ou condición: a morte. Ao longo da conferencia os dous profesores disertan, dramatizan e dan resposta a preguntas sobre diversos temas relacionados co asunto principal. A vida. Vivir é bonito ou está sobrevalorado? A inmortalidade. Como sería o mundo se fósemos inmortais?
Elenco: Jouse García e Xoque Carbajal
Dirección: Marcos Orsi
Duración: 70 minutos
Xénero: comedia
Público preferente: adulto (maiores de 16 anos)
Xoves 11 de decembro, ás 20.30, Sol Fuerza. Aantena S.C. Premio da Deputación da Coruña a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social. Proxecto ECO DO SOL
Un espectáculo que mestura humor e reflexión.
Nos anos 90, Heliodoro Vicente soñaba cun futuro radiante: Galicia iluminada grazas ao Sol Fuerza. Un invento prometedor que pretendía substituír o petróleo pola enerxía do sol. Pero o soño de Heliodoro apagou antes de brillar. E agora, no presente, entre muíños de vento, placas solares e promesas ecolóxicas, atopámonos cunha Galicia que dubida: progreso ou colonización? É isto o futuro ou unha boa mentira ben contada?
Elenco:
Lucía Veiga
Manu Fernández
Virxinia Bermúdez
Dirixe: Xosé Leis
Duración: 80 minutos
Xénero: comedia
Público preferente: adultos e maiores de 14 anos
Sábado 13 de decembro, ás 20.00, As Desterradas. Carme Varela (Producións Excéntricas)
Outono das Artes da Deputación da Coruña
No século XVI unha pequena comunidade de monxas á beira do
Miño vese ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica. Os
señores da Igrexa, para rematar coa resistencia das freiras non dubidan en difamalas e ameazalas por todos os medios, desde o tribunal da inquisición á violencia das mesnadas señoriais. Carme Varela reconstrúe nun thriller conventual aqueles tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas.
Elenco:
Belén Constenla
Melania Cruz
Rocío González
Rebeca Montero
Patricia Vázquez
Víctor Mosqueira
Dirixe: Quico Cadaval
Duración: 95 minutos
Xénero: drama
Público preferente: adulto
As funcións realizaranse sempre no Auditorio do Centro Cívico de Malpica.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Departamento de Educación e Cultura do Concello de Malpica de Bergantiños, no teléfono 981 707 104, en horario de 9.30 a 14.00 horas.