Malpica e Buño acollerán talleres de memoria para persoas maiores ou con diversidade funcional

2 minutes read
  • O Concello tamén colabora, a través da área de Servizos Sociais, con distintas iniciativas organizadas para os vindeiros días por entidades de carácter social

«Non te olvides» é o título dos talleres de memoria, atención e percepción destinados a persoas maiores e/ou con diversidade funcional promovidos desde o Departamento de Servizos Sociais de Malpica co obxectivo fundamental de mellorar a calidade de vida destes colectivos mediante a intervención en aspectos como o déficit de memoria, as relacións sociais e a redución da ansiedade que provoca esa situación, todo iso utilizando unha metodoloxía dinámica e participativa.

Segundo informa a concelleira de Benestar, Tamara Torrado, os talleres comezarán no mes de outubro na Casa do Oleiro de Buño e no Centro Cívico de Malpica, e desenvolveranse en ámbolos casos en horario de 11.00 a 12.30. As persoas interesadas en participar ou en obter máis información poden achegarse ata o Departamento de Servizos Sociais, no primeiro andar do Centro Cívico, ou chamar ao teléfono 981 720 280.

Próximas actividades

O departamento de Servizos Sociais colabora, ademais, con dúas entidades sociais en distintas iniciativas previstas para os vindeiros días. En concreto, o 23 de setembro (Casa do Pescador, 12.00 horas) celebrarase unha charla informativa sobre «O dano cerebral adquirido», organizada pola Federación Galega de Dano Cerebral en colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello de Malpica. As causas do ictus, os consellos de prevención e a rehabilitación centrarán a sesión.

Ao día seguinte, o 24 de setembro, dentro do programa de actos da Semana do Alzhéimer, organizada por Afaber, haberá unha mesa informativa da asociación na Praza da Fonte. Os veciños e as veciñas interesados/as en saber máis sobre esta doenza e sobre o labor que desenvolve a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños poderán achegarse de 10.30 a 12.30 horas.