O proxecto «A Vila do Mañá» inaugura a súa segunda fase na que adaptará a súa programación á nova realidade creada despois da aparición do coronavirus e á necesidade de modificar os espazos urbanos á medida das persoas.
«A Vila do Mañá» é un proxecto educativo e de divulgación, cuxo obxectivo é que dende a infancia e a través do xogo se tome conciencia de todas as escalas do común: a arquitectura, o patrimonio tanxible e intanxible, o urbanismo e a paisaxe. O reto principal é que a infancia e a adolescencia estean presentes de forma activa nos procesos de construción do espazo común (praza, barrio, cidade…) dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, dende a arte e a arquitectura.
Representantes dos dous concellos, o alcalde de Malpica de Bergantiños, Walter Pardo Añon e a primeira tenente alcalde de Carballo, Milagros Lantes Seara, participaron na Deputación da Coruña na presentación dunha nova etapa do proxecto que ten como fin construír un futuro mellor no territorio, no que as persoas teñan unha visión distinta e unha relación diferente coas cidades e vilas.