Este venres presentouse no paseo da praia de Malpica o ‘Malpica Surf Fest 2025’, unha das grandes citas do outono que combinará deporte, música e ambiente surf na praia de Area Maior. No acto participaron a concelleira Noelia Freijeiro, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e os organizadores Toni Varela e Carlos Fernández de One Surf Academy.
O festival celebrarase os días 25 e 26 de outubro e acollerá o Campionato de España de SUP Olas e a Liga Nacional de Longboard, baixo a organización de ONE Surf Academy e co apoio da Federación Española de Surfing (FESurfing), da Federación Galega de Surf e da Xunta de Galicia, a través da súa Área de Turismo.
Durante a presentación, os organizadores agradeceron o apoio de Turismo de Galicia e do Concello de Malpica, destacando a importancia de contar con institucións que impulsen eventos que poñen en valor o deporte, o mar e o turismo sustentable.
Ademais, o venres 24 de outubro, ás 19:00 h, terá lugar a presentación oficial do evento, cun repaso pola historia do surf en Malpica e un cóctel de benvida. Durante a fin de semana, a cita combinará deporte e lecer cun amplo programa de actividades:
- Campionato de España de SUP Olas
- Liga Nacional de Longboard
- Mercado e carpa-bar
- Sorteo de material de surf valorado en máis de 2.000 €
- Surf Party coas actuacións de Spoonfuls (blues), Pladur (punk) e DJ set