Acompañada polo alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, así como outros membros do Goberno local, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, achegouse ata a parroquia de Vilanova de Santiso para coñecer, precisamente, unha das actuacións que se financiaron no municipio con cargo á orde de axudas 2020-2021.
En concreto, a intervención municipal centrouse na contorna do río Vaa, nunha zona de máis de 6.000 metros cadrados na que se executaron traballos de limpeza de maleza e das rochas, eliminación de especies exóticas invasoras e plantación de árbores autóctonas como carballos, castiñeiros e bidueiros, e restauración de mobiliario, coa recuperación dos bancos existentes e a colocación de papeleiras.
Ángeles Vázquez explicou que a achega da Xunta para levar a cabo esta actuación foi de case 20.000 euros e en vista dos bos resultados acadados, animou ao Concello a presentar un proxecto integral co que poder completar a posta en valor desta zona emblemática de Malpica.
