Malpica inaugura a escultura “Nai Carrexeira”, homenaxe ás mulleres traballadoras do mar

2 minutes read

O Concello de Malpica inaugurou a escultura “Nai Carrexeira” en homenaxe ao oficio que ostentaban as mulleres de portar o peixe nas súas cabezas e ademáis coidaban da súa familia. O tenente alcalde de Malpica, Alfredo Cañizo, asistiu xunto cos concelleiros Noelia Freijeiro e Miguel Fernández á inauguración do monumento realizado por Ánxel Cao.

“Estou moi orgulloso e agradecido de que Eliseo Villar Loureiro e a súa familia doase esta bonita escultura que homenaxea moi ben o traballo das mulleres de Malpica que portaban o peixe para a súa venda e á súa vez coidaban aos seus fillos. A escultura está situada nun lugar fantástico e vai ser un referente turístico por estar situada no paseo marítimo de Malpica coas Illas Sisargas e a capela de San Adrián como fondo” explicou Cañizo.

Ao acto tamén asistiu parte da corporación e o alcalde de Malpica del Tajo, Santiago Hortas Bautista.

Miguel Fernández, pola súa parte, agradeceu a presenza dos asistentes e sobre a Eliseo Villar Loureiro a doazón da preciosa estatua. Tamén desculpou a ausencia do alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que por razóns de axenda non puido estar presente.

O escultor Ánxel Cao explicou que é unha figura realizada unicamente para Malpica en representación da muller traballadora. Esta escultura homenaxea ás mulleres non só polo traballo que desempeñaban senón polo coidado e educación da familia. “É unha figura realizada en bronce cun peso de 230 quilos de tamaño natural cuxa altura é un pouco maior á natural por razóns estéticas».

Pola súa banda, Eliseo Villar Loureiro, deu as grazas ao concello de Malpica por permitir doar esta obra e deixar que se situase nunha zona tan fermosa como é o paseo marítimo da vila. A súa intención de doar este monumento Nai Carrexeira é honrar a todas as mulleres que se encargaban de carrexar o peixe dende as lanchas ata os camións e ata a fábrica de consevas. “Elas fixeron que este pobo fóra próspero”, concluíu.

Momento da inauguración.