Malpica intensifica os traballos de mellora na rede viaria municipal

Concello de Malpica

  • Este venres reábrese ao tráfico peonil a rúa Igrexa

O Concello de Malpica redobra esforzos na conservación da súa rede de estradas intensificando os traballos de mellora en todas as vías de titularidade municipal. Co obxectivo de reparar os estragos ocasionados no pavimento polo uso e o paso do tempo, iniciáronse as tarefas de acondicionamento do firme asfáltico e de recheo de fochancas en diversos puntos do concello.

Entre as tarefas de conservación das estradas tamén se atopa a limpeza das marxes da vía e a supervisión da sinalización vertical e das marcas horizontais. Os traballos estenderanse ó resto do termo municipal nas vindeiras semanas.

Desde o goberno local consideran “unha prioridade” estas actuacións xa que “resultan fundamentais para conectar todas as parroquias de Malpica e á nosa veciñanza”.

Ademais, este venres reábrese ao tráfico peonil a rúa Igrexa, na que desde o mes de febreiro se está acometendo un proxecto de humanización por un valor de 85.000 euros. Os vehículos poderán retomar a súa circulación nesta rúa na terceira semana de maio.