Malpica intensifica os traballos pendentes de limpeza e roza


O Concello de Malpica intensifica estes días os traballos de limpeza e roza ao longo de todo o termo municipal, logo da obrigación de aprazalos debido ao contexto sanitario provocado pola COVID-19.

‘Ás tarefas que levamos realizando desde hai varias semanas incorporarase unha cuadrilla de dez integrantes que se dedicará a arrombar as zonas de maior concorrencia’, apunta o concelleiro de Servizos e Campo, Alfredo Cañizo.

Dentro deste plan de actuacións, cóntase que tanto núcleos rurais como zonas urbanas queden preparados nun período de dez a quince días. Está a actuarse na contorna das praias, áreas de lecer, bordos das estradas e camiños. Para estas tarefas, dispóñense de ata catro tractores, que traballan por todos os lugares de Malpica.

O alcalde, Walter Pardo, quixo ‘agradecer a paciencia das veciñas e veciños, xa que estes traballos non puidemos acometelos coa rapidez que nos gustaría, pero nas próximas semanas contaremos coa celeridade da que non puidemos dispoñer pola crise da COVID-19’, apuntou.