Malpica mellorará a estrada de Campelo por 46.000 euros

1 minutes read
  • A intervención inclúese dentro do POS+ Complementario 2021 da Deputación da Coruña

O Concello de Malpica proxecta a mellora da estrada no núcleo de Campelo, en Barizo, cun orzamento de 46.459,47 euros con cargo ao POS+ Complementario 2021 da Deputación da Coruña.

Así, as tarefas realizaranse desde a DP-4306 en dirección oeste ata a igrexa parroquial de San Pedro de Barizo, nun treito de 640 metros. Renovarase o firme e ampliarase o seu ancho co «obxectivo de facilitar a circulación de vehículos e peóns pola vía», destacan desde o Goberno local.

Ademais deste proxecto, o Concello de Malpica inclúe no POS+ Complementario 2021 da Deputación outras tres intervencións: o proxecto de mellora e mantemento no camiño da Besugueira (Barizo), por 97.559,78 euros; mellora na capa de rodadura no camiño de Cambre a Pedrosa e no camiño na Raxeira, por 99.122,62 euros; e, finalmente, a renovación do parque infantil na rúa Xaviña (Buño), por 39.996,03 euros.