O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, reuníronse coa concelleira de Cultura, Olaría, Igualdade e Patrimonio de Malpica, Leticia Varela e o concelleiro Miguel Varela para avanzar, entre outras cousas, na remusealización do Forno do Forte de Buño.
A intención é convertelo no gran Museo da Olaría de referencia que destaque e promove un dos principais recursos turísticos e patrimoniais do concello. Neste sentido, o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, informou do procedemento polo que se destinará un orzamento de 30.000 euros a este proxecto.
O obxectivo é dedicar a totalidade das estancias e toda a contorna do inmóbel a museo da olería, con especial atención á produción de Buño e a Costa da Morte, incluíndo a artesanía en barro de todo o territorio galego. As tres novas salas que se incorporarán a espazos dedicados á olaría dedicaranse a sala multiusos, novas creacións e exposicións temporais, que acollerán de maneira especial creadores e creadoras de Buño e de toda a Costa da Morte e tamén de outras zonas de produción oleira.
As dúas institucións dan así pasos adiante no proceso de renovación do Forno do Forte, propiedade da Deputación da Coruña con xestión de visitas por parte do Museo de Malpica de Bergantiños. Ademais incluirá a modernización da cartelaría e a incorporación de nova sinaléctica e música ambiental.
