Malpica | O PSOE critica o “oportunismo político” do PP local

Cedida

O Partido Socialista Obreiro Español de Malpica de Bergantiños emitiu un comunicado logo das declaracións realizadas nas últimas horas por parte do Partido Popular, relativas a unha posible moción de censura ao actual Goberno, baseándose no apoio ao PP por parte do edil non adscrito, Alfredo Cañizo.

Comunicado íntegro emitido polo grupo socialista de Malpica de Bergantiños:

1. Ante a renuncia durante esta semana do edil non adscrito, a intención de motivar unha moción de censura que manifestou posteriormente o grupo popular non fai máis que demostrar o oportunismo político desta formación. Durante os dous últimos anos de goberno socialista, o Partido Popular soamente se dedicou a obstaculizar a toma de decisións por parte da executiva local. As súas aportacións durante as sesións plenarias reducíronse, en calquera caso, a críticas baleiras e a alimentar polémicas co único obxectivo de desestabilizar un grupo de goberno elixido democraticamente polo pobo malpicán. Todo parece indicar que a decisión do edil non adscrito está consensuada co PP nun novo intento por alcanzar o poder. O xogo sucio que intenta practicar o grupo popular non vai descentrar ao goberno actual do seu obxectivo: traballar polo pobo.

2. No mes de maio de 2019, Malpica escolleu un cambio. Optou por deixar atrás anos de desatención, de indiferencia ante as problemáticas máis inmediatas. Malpica elixiu o progreso e a estabilidade. Logo desta semana, queda patente que a única aspiración que o PP ten en Malpica é o poder. O grupo popular non parece ter escrúpulos á hora de pactar con calquera persoa para alcanzar o goberno, un lugar no que xa estivo con anterioridade e do que se resistiu a marchar ata o final, aguantando incluso a golpes entre eles mesmos.

3. O PSOE de Malpica seguirá mantendo o pobo como prioridade absoluta en calquera das decisións que se adopten desde o executivo local. A veciñanza sempre está e seguirá estando por riba de calquera persoa ou partido político que tente poñer por diante os seus intereses particulares. O equipo de goberno síntese con forzas e totalmente capacitado para seguir adiante. O grupo socialista continuará a traballar polo ben de todas as persoas deste municipio, ao igual que o fixo no pasado, ao igual que o fai no presente e ao igual que o fará no futuro.