O Concello de Malpica, da man da concellaría de Cultura, pechou o ciclo de actividades ‘Nun Mar de Letras’ cunha lectura pública de poemas de Xela Arias, a quen se lle dedicou este ano a festividade.
O evento tivo lugar na Praza Anselmo Villar Amigo, nun acto aberto á participación de toda a veciñanza na compañía da Asociación Cultural Malante de Malpica. Ó remate da lectura, a agrupación deu un concerto como evento final dunha programación que levou música e cultura galega ós centros escolares e a distintas localizacións do municipio.
Lembramos que as actividades comezaron o pasado venres, 14 de maio, co ‘Exército das paxariñas’ de Soraya Lema e a presentación das obras gañadoras do Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’.
Celebráronse cantidade de actuacións musicais como a de Mamá Cabra e os seus ‘Arrolos’, ó ‘Vermú das letras’ do Grupo Meigallo da ACD Carcaxía. Atenea García, Acordeireta en concerto, etc.