Malpica pídelle á consellería de Infraestruturas máis seguridade na contorna dos centros públicos da localidade

1 minutes read
  • O alcalde, Walter Pardo, mantivo unha xuntanza telemática con Ethel Vázquez, onde lle transmitiu tamén a necesidade de renovación de infraestruturas e saneamento

O Concello de Malpica pediulle á consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia unha serie de melloras para incrementar a seguridade na contorna dos centros públicos da localidade como nos arredores do CEIP Milladoiro e no colexio de Buño.

O alcalde, Walter Pardo, mantivo este xoves unha xuntanza telemática con Ethel Vázquez onde lle transmitiu tamén a necesidade de renovación en materia de infraestruturas e saneamento en varios puntos do municipio.

“No 2018 estaba proxectada xa unha rotonda na recta do colexio Milladoiro, e cremos que é unha infraestrutura necesaria porque aínda que a zona está limitada a 50 quilómetros por hora, consideramos prioritario contar con outro elemento que axude a frenar aínda máis a velocidade en favor da seguridade da rapazada”, comentou o edil, quen engadiu tamén que “sería bo contar cun paso de peóns iluminado na estrada AC-420 que vai ao centro público de Buño».

Ademais, comentouse a posibilidade de actuar na senda peonil na marxe esquerda da AC-418 desde o punto quilométrico 9 ata o punto quilométrico 10, así como no tramo que conecta a rotonda de Buño co Polígono Industrial.

En canto ás obras de saneamento, unha das prioridades no Concello é «intervir en Vilanova, no núcleo urbano de Beo”, comenta o alcalde, quen anuncia que contan coas opcións dunha EDAR propia ou un sala de bombeo para subsanar as deficiencias. O rexedor tamén fixo fincapé na necesidade de mellorar a EDAR de Buño e conectar a rede entre Vilarnovo e Seixas.

O Concello coñecerá a finais de febreiro o Plan Director da Xunta para coñecer as necesidades da localidade.